A Nosa Historia

Para buscar as raíces do noso Centro remontámonos ao ano 1975 xa que desde esa data viñan prestando servizos ao barrio como o pavillón polideportivo. Con todo, o Centro Social Sacra Familia fúndase no ano 1979 por decreto do Arcebispo de Santiago e por iniciativa da Entidade Construtora Benéfica Sacra Familia -quen cede o edificio que lle serve hoxe de sede- e coa ilusión de ter un espazo de reunión e encontro para as familias do barrio.

O Centro Social sempre estivo envorcado coa integración social, o deporte e a cultura, con numerosas iniciativas ao longo destes máis de 30 anos como as que impulsaron a organización de varias competicións ciclistas en colaboración co Concello, o ter un equipo de baloncesto en terceira división ou varios equipos infantís de fútbol sala competindo a nivel local e provincial ou a nosa magnífica pista de scalextrix que contaba con 6 carrís e 18 metros (da que saíu, mesmo, un campión de España).

Hoxe en día, ese espírito e esas iniciativas seguen vivos coas representacións do noso grupo de teatro, as competicións da nosa sección de xadrez (actualmente temos dous equipos en primeira división), as actuacións de nosa tan recoñecida coral polifónica ou as colaboracións que levamos a cabo con distintas organizacións.

Fieis ao espírito dos seus fundadores, o Centro Social Sacra Familia continúa coa mesma ilusión do primeiro día, axuntando a fidelidade aos nosos obxectivos iniciais cun enfoque moderno, co mesmo afán de proximidade e integración,  coa vocación de seguir sendo un referente deportivo, cultural e lúdico na zona e, sobre todo, un punto de encontro entre persoas.